Chega o outono... con ceos despexados e temperaturas máis propias do verán
Por Redacción
O verán chegou á súa fin... se é que algunha vez estivo entre nós. Desde as 4.52 horas desta madrugada, xa estamos en outono. Será unha estación na que, segundo as previsións meteorolóxicas, non haberá "episodios significativos" en canto a temperaturas e precipitacións, polo menos en Galicia. Así o avanza a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).
Con todo, os pontevedreses comezaremos este outono cun tempo máis ben estival. A entrada dun novo anticiclón, este mércores, deixaranos ceos despexados e temperaturas moi agradables que poderían alcanzar, mesmo, os 29 graos de cara ao xoves.
Segundo a predición de Meteogalicia, as chuvias poderían facer a súa aparición o sábado, se ben de forma esporádica, xa que se prevé que de novo o sol volva predominar a partir do domingo. En todo caso, polo menos ata o martes da próxima semana, as temperaturas serán máis elevadas do normal para esta época do ano.
O OUTONO ALONGARASE ATA O 21 DE DECEMBRO
Este outono durará, segundo o Instituto Xeográfico Nacional un total de 89 días e 20 horas. Concretamente rematará o 21 de decembro coa chegada do inverno.
Entre as características peculiares do outono está o cambio de hora, que nesta ocasión será efectivo o 26 de outubro, recuperando así o horario de inverno. Anoitecerá entón moito máis temperán, se ben nesta época do ano, xa a duración do día acúrtase máis rápido. En definitiva, nos próximos meses o tempo en que o Sol está por enriba do horizonte reducirase en case tres minutos cada día.