Duascentas persoas concéntranse contra os despedimentos en Ence
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Ao redor de duascentas persoas concentráronse na tarde deste luns 22 ante a Subdelegación do Goberno para mostrar o seu rexeitamento ante o anuncio do Grupo Ence de levar a cabo despedimentos na sede central de Madrid e na factoría de Huelva.
Segundo manifestaba o presidente do comité de empresa de Ence en Lourizán, Pedro Soto, "tres trimestres continuados de perdas non xustifica esta situación" e indicou que noutras ocasións a empresa tivo moitas ganancias e agora, entende, que debería realizar un esforzo para manter o emprego. O peche da produción de pasta en Huelva supoñería, segundo os sindicatos, máis de 300 despedimentos e afectaría a máis de 2.500 traballadores indirectos.
Soto entende que a reforma laboral favorece estas decisións empresariais e asegura que se na factoría de Lourizán se produce unha situación de perdas, a dirección da empresa podería chegar a tomar unha decisión similar. Neste sentido, o máximo representante dos traballadores de Ence en Pontevedra reclama da Xunta e do Goberno central que manteñan a concesión da fábrica en Lourizán durante os próximos anos: "aquí afectaría a miles de persoas e sería imperdoable polas indecisións dous políticos que nun momento tan delicado de desemprego" non se apoien a estas empresas.
O propio Pedro Soto e a presidente do comité de empresa de Ence en Madrid, Ana Cedeira, leron un comunicado en contra dos despedimentos e reclamando o dereito a un traballo digno. sinalando que a política da dirección "é especulativa" e que "o único que souberon facer é eliminar postos de traballo e dereitos dos traballadores coa súa incompetencia e mala xestión, así como non investir no negocio para ser competitivos". Na concentración encontrábase o secretario comarcal de CIG, Marcos Conde, e o de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, ademais de traballadores de Elnosa.