Mil sinaturas para pedir melloras na biblioteca de Marín
Por Redacción
Máis de 1.000 sinaturas acadadas na rúa e na plataforma Change.org solicitan en Marín melloras na biblioteca municipal. A campaña promoveuna Xuventudes Socialistas e unha representación do colectivo entregounas este mércores no Rexistro do Concello co apoio do secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza, e de membros do grupo municipal do PSdeG-PSOE Marín.
A campaña que promoven inclúe a presentación dunha moción para o seu debate na Corporación na que piden a instalación dun sistema antirroubo de libros e dun buzón de doazóns rexistradas de libros, así como o acondicionamento da sala de lectura coa posta dun sistema de aire acondicionado que está a ser demandado por usuarios e traballadores do centro.
Ademais, reclaman a creación dunha aula de estudo insonorizada no antigo local municipal da Concellería de Urbanismo da rúa Méndez Núñez que en período de exames estaría dispoñible cun horario extraordinario de 8.00 da mañá a 3.00 horas da madrugada, así como habilitar unha sala de traballo infantil onde se poidan realizar tamén obradoiros e traballos escolares para evitar as molestias aos demais usuarios.
Esta petición complétase con que se faga un estudo sobre as posibilidades de insonorización da sala principal da biblioteca para impedir o barullo tanto dos vehículos que circulan pola estrada lindeira coma o que poida xurdir de celebracións no salón de actos da planta superior.
O secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Marín, Nacho Cortés, sinalou que a súa agrupación está "farta" de que o Gobierno do PP "recorte a inversión pública onde lle peta" e sinala que, na súa opinión, "igual o que terían que recortar son as escandalosas horas extras que se pagan no concelllo, os salarios aos funcionarios afíns a eles e demais cacicadas"
A agrupación amósase moi crítica co trato que recibe a mocidade, pois "parece que somos o último" e que "non importa" a formación ou a emigración xuvenil. "Non se trata só de facernos festas, trátase de apoio, de investir nos que queren formarse e por non ter cartos non poden, de apostar por un plan de emprego eficaz que poida ser unha oportunidade de empregabilidade na vila ou mesmo de mostrar certo interese e preocuparse do que demandan os colectivos xuvenís de Marín", sinalou.