Identifican dúas mozas tras subtraer 43 pares de pendentes e prendas de roupa en Benito Corbal
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra identificaron dúas mozas, unha delas menor de idade e a outra de 19 anos, como presuntas autoras de varios furtos en dous establecementos comerciais de Pontevedra.
A Policía Nacional localizou unha das mozas o 3 de setembro ás 20.30 horas ao ser requirida polo responsable dun establecemento comercial da rúa Benito Corbal. O comerciante sorprendera unha menor arrancando os dispositivos de alarma de varias pezas de roupa. Os axentes solicitaron datos da menor e, tras ser identificada, comunicouse o sucedido aos pais para que comparecesen en dependencias policiais e facerse cargo da menor.
Ao ser identificada recoñeceu haber sustraido as pezas porque unha amiga lle dixo que ela tamén o facía.
O segundo dos feitos tivo lugar o 5 de setembro ás 17.55 horas cando se recibiu unha chamada na central da Comisaría alertando da presenza dunha moza furtando xénero no interior dunha tenda de complementos da rúa Benito Corbal. Unha patrulla procedeu a identificar a moza que recoñeceu a súa intención de subtraer a bixutería e á que se lle incautaron 43 pares de pendentes valorados nun total de 219,73 euros.
Os axentes entregáronlle unha citación para a celebración dun xuízo rápido por falta.