Os veciños da Lama poderán utilizar as instalacións deportivas de Fornelos
Por Redacción
Os concellos da Lama e Fornelos de Montes asinaron un convenio de colaboración para compartir algunhas das súas infrestructuras públicas.
Esta firma provocará, por exemplo, que os veciños da Lama poidan utilizar as instalacións deportivas do municipio limítrofe grazas a subvención concedida pola Xunta de Galicia para financiar o proxecto de xestión compartida de recursos.
A administración autonómica achega 43.000 euros para a causa co compromiso de que os municipios de Fornelos e A Lama promovan nas novas infraestructras habilitadas actividades ao aire libre de xeito coordinado.
Estas actividades, ademais das deportivas, serán culturais e de ocio, como xornadas de xogos populares nos parques infantís ou funcións de maxia para os máis pequenos. Outras opcións serán ximnasia ao aire libre, contacontos ou ioga, segundo informa o Concello da Lama.