Vilagarcía ofrece pagar anticipadamente as axudas para material escolar ás familias con menos recursos
Por Redacción
Achégase o inicio do curso e a compra de material escolar convértese, como cada ano, nun motivo de preocupación para moitas familias.
Por ese motivo o Concello de Vilagarcía decidiu pagar anticipadamente as axudas a familias con menos recursos e limitar así o impacto económico que supón a volta ao cole.
Dentro da partida municipal para axudas á compra de material escolar en Educación Infantil, que suma 8.000 euros para o presente curso, estableceuse un baremo polo cal as familias cunha renda inferior ao 80% dos límites establecidos nas bases poden solicitar o adianto do pagamento.
As axudas a percibir por cada alumno non poderán superar un máximo de 50 euros. Os interesados deben solicitar a axuda antes do 30 de setembro, presentando unha solicitude que poden obter nos departamentos de Educación e Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía ou nos servizos de información municipal. Tamén se habilitou a opción de realizalo a través de internet na páxina www.vilagarcia.es, onde tamén poden consultarse as bases da convocatoria.
Vilagarcía habilitou esta partida de axudas hai uns anos para cubrir o baleiro existente na Eduación Infantil, de nenos entre 0 e 6 anos, para a cal non se concedían subvencións a través de ningunha outra administración. A iniciativa está dirixida ao alumnado residente no municipio e matriculado nos centros públicos e escolas infantís autorizadas.