As Meigas reparten este sábado 540 litros de queimada e de rosquillas en Vilagarcía
Por Redacción
O universo da maxia galega regresa este sábado 30 de agosto a Vilagarcía para celebrar a tradicional Noite das Meigas coa que se despide a programación festiva deste mes. A través de nove poboados, as meigas realizarán o conxuro e elaborarán a queimada que despois invitarán a probar a todo o que acuda a visitalas.
Esta festa organizada pola Concellería de Cultura e dez colectivos considera a repartición durante a Noite das Meigas de 540 litros de queimada distribuídos en 60 litros de augardente e 10 quilos e azucre por cada poboado que elaborará o elixir con grans de café, laranxa, limón e demais elementos da apócema máxica galega. A partir da media noite repartirase entre os asistentes.
A organización repartirá de forma gratuíta 3.000 rosquillas. O Concello proporcionará as cuncas de barro que se poñerán á venda a 1 euro para quen queira degustar a queimada no recipiente tradicional.
A Noite das Meigas comezará ás 22.00 horas e a partir da media noite desenvolverase na Praza de Galicia o espectáculo pirotécnico da Queima da Bruxa.
Esta festa complétase co XIX Encontro folclórico Malveiras a partir das 22.00 horas na Praza da Peixería. Ademais levarase a cabo a segunda xornada da Feira dás Tapas no parque Miguel Hernández en sesión de mañá, de 12 a 16 horas; e de tarde noite, de 20.30 a 00.30 horas. Durante a mañá tamén se vai desenvolver na Praza de Galicia a Festa do Voluntariado coa participación de 22 organizacións sociais.