Louzán agarda que 'La Vuelta' prolongue a tempada estival e atraia turismo
Por Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destacou dende Xerez no inicio de La Vuelta ciclista a España a "enorme repercusión económica e de promoción turística" que supón este evento deportivo e se mostrou confiado en que o seu paso por máis de 30 concellos das Rías Baixas sexa un revulsivo para a provincia.
Neste sentido, Louzán destacou que se trata da primeira vez, nos 69 anos de historia desta proba, que a competición finaliza fóra de Madrid e faino con "Galicia e Compostela como fin de camiño". O presidente provincial espera que numerosos afeccionados se acheguen ata as Rías Baixas para gozar das dúas etapas pontevedresas que serán "determinantes para decidir o campión da proba".
Ademais, Rafael Louzán destacou que a participación dun pelotón de luxo, co mellor palmarés deportivo dos últimos anos fai desta edición de La Vuelta "unha ocasión magnífica para prolongar a tempada estival e atraer o turismo nacional e internacional".
Segundo afirma o titular da Deputación, estes días de agosto estase a notar que as anteriores edicións da proba ciclista tiveron xa a súa repercusión e considera que son moitas as persoas que hoxe están en Galicia con motivo da promoción que La Vuelta supuxo para a provincia. Ademais afirmou que os integrantes da caravana ciclista terán asegurada a ocupación de máis de 3.000 camas na provincia, na que permanecerán durante tres días. "Prolongamos así a tempada estival e dáselle un novo impulso a un sector en auxe en Pontevedra, como é o relacionado co turismo, a hostalaría e a restauración", asegurou antes de animar os veciños a implicarse e saír a rúa para ver o paso da serpe multicolor.
CATRO GRANDES CONCERTOS
Por último, o presidente da Deputación afirmou que está previsto organizar catro grandes concertos nos concellos de saída e chegada das dúas etapas que discorren pola provincia.
Os concellos son A Estrada, Meis, Salvaterra e Cangas e os días nos que pasará a carreira ciclista por estas localidades serán o 11 e 12 de setembro.