A XIV Festa do Mar de Combarro ofrecerá mil quilos de moluscos da ría
Por Anxo Lourido
O Concello de Poio espera superar a presenza de 100.000 visitantes que en edicións anteriores á de 2013 acudiron ata Combarro con motivo da celebración, do 20 ao 24 de agosto, da Festa do Mar que, nesta ocasión, cumpre 14 anos e presenta como principal novidade que as actividades se concentrarán no Peirao da Canteira na carpa de 1.100 metros cadrados denominada Taberna Mariñeira, con espazo para cantar e bailar.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e o concelleiro de Turismo, Xosé Luis Martínez Blanco, presentaron a edición para a que xa se contrataron mil quilos de moluscos da ría pontevedresa, tanto mexillóns coma berberechos e ameixas, que xa se encontran en depuradora e, polo tanto, non se ven afectadas polo peche dos polígonos provocado pola presenza de toxina. Ademais serviranse outros produtos como chocos, vieiras, zamburiñas, percebes ou polbo.
A programación abrirase o mércores 20 coa inauguración da Mostra Gastronómica a partir das 13.00 horas e a continuación desenvolveranse actuacións da Escola de Música tradicional de Poio. Pola noite celebrarase a mostra da canción mariñeira e, na Praza da Chousa, o concerto de Celtas Cortos. Durante os seguintes días, ao escenario subirán A Roda; os grupos Dakidarría, MLK e Medomedádentro do Festival Armadiña Rock; Champurrada e Los Secretos. Todos eles son gratuítos.
Ademais da mostra gastronómica celebrarase a XIX edición da concentración de embarcacións tradicionais de vela, a Mostra das Nacións e a primeira Ruta gastronómica do Mar cunha variada oferta de menús mariñeiros en diferentes locais da hostalaría de Combarro.
O concelleiro Martínez Blanco recomendou a utilización do aparcadoiro da Seca, a un quilómetro de Combarro, no caso do momento dos concertos e sinalou que se habilitarán tamén como zonas de aparcadoiro o espigón do Peirao da Canteira e a zona situada próxima ao cemiterio.
Relacionadas:
-
Carlos Baute actuará o 20 de agosto no Festa do Mar de Combarro
Por Redacción |
-
Armadiña Rock is different
Por Redacción |
-
Combarro recorda as súas orixes na XIV Festa do Mar
Por Diego Espiño |
-
VIDEO.- O Armadiña Rock de Combarro volve tirar de enxeño para promover o festival
Por Redacción |
-
A Festa do Mar de Combarro ponse a dieta
Por Oskar Viéitez |