Voltarén, Adrenalina e Valium fóra de data nunha ambulancia que facía un servizo para Adeslas
Por Natalia Puga
Voltarén intravenoso, Adrenalina precargable e Valium inxectable, todos caducados, algúns dende o ano 2012. Son algúns dos medicamentos pasados de data de consumo que se localizaron nas ambulancias inmobilizadas pola Policía Local de Pontevedra o 6 de agosto e logo denunciadas pola vía administrativa por irregularidades técnico-sanitarias. No momento en que foron detectadas e traladadas ao depósito da grúa, estaban a facer un servizo de traslado de pacientes a rehabilitación e centros de saúde para a compañía de seguros médicos Adeslas.
Os datos non saíran ata agora, pero, segundo puido confirmar PontevedraViva, non son unha excepción na empresa propietaria, BDM, que a Policía Local de Vigo xa multara a principios de ano por non pasar a Inspección Técnica de Vehículos (ITV) a unha das súas ambulancias. Un dos dous vehículos que a semana pasada estudo dous días no depósito do guindastre ten anotada unha incidencia dende o ano 2011 pola que ten prohibida a circulación.
A empresa BDM, con sede en Arcade (Soutomaior), traballa a diario para Adeslas con traslados de pacientes a centros de rehabilitación ou para recibir asistencia médica en todo a área sanitaria de Pontevedra e Vigo. Precisamente, o mércores 6 de agosto unha estaba a trasladar unha persoa e o seu acompañante a que recibise rehabilitación dende Meis a Pontevedra e a outra non tiña a ninguén dentro, pero xusto acababa de deixar unha persoa nun centro médico de Barcelos.
A compañía, que segue gardando silencio sobre este tema, tiña ata a semana pasada tres ambulancias en circulación. Agora, as dúas inmobilizadas pola Policía Local seguen sen moverse da súa nave de Soutomaior porque aínda non regularizaron a súa situación e a terceira seguía este martes facendo servizos. Sobre este vehículo, fontes consultadas indicaron que podería ter caducado recentemente, pois as ambulancias teñen unha vida útil de oito anos. Este martes PontevedraViva intentou confirmar sen éxito con Adeslas se adoptará algún tipo de medida ao respecto.
Entre as irregularidades detectadas, afectan ao equipamento sanitario e dotación obrigada polo Real Decreto 836/2012, tales como carecer de rexistro de desinfeccións do habitáculo e do equipamento e con medicamentos e agullas caducados. Ademais, unha delas, interceptada na rúa Fernández Ladreda, aparece catalogada como furgoneta para uso particular, sen que faga referencia á prestación de servizos como ambulancia, transporte sanitario ou que preste servizo público. Non presentaba permiso de circulación, tiña a ITV caducada, non tiña tarxeta de transporte de ningunha clase para o transporte sanitario e o libro de Inspección Técnico Sanitario e o libro de reclamacións aparecían falsificados (o orixinal correspondía a outro vehículo).
Fontes consultadas sinalan que este tipo de irregularidades poden derivar en sancións por parte das consellerías de Sanidade e Industria, pero non transcendeu aínda se se realizou algún trámite ao respecto. A Fundación Pública Urxencias Médicas de Galicia 061 quixo aclarar, a preguntas deste medio, que ningún dos dous vehículos forma parte da rede de transportes do 061. Todas a ambulancias que prestan servizo para a sanidade pública galega cumpren a normativa legal vixente.
Relacionadas:
-
A CIG alerta da presenza de 'fondos voitre' ao axexo do contrato das ambulancias
Por Oskar Viéitez |
-
A CIG denuncia que as ambulancias con medicamentos caducados si facían servizos de Urxencias
Por Natalia Puga |
-
Adeslas non tomará medidas contra a empresa das ambulancias denunciadas ata que se resolva o expediente
Por Natalia Puga |
-
As ambulancias que retirou o guindastre tiñan medicinas caducadas e non podían facer transporte sanitario
Por Natalia Puga |
-
O guindastre leva dúas ambulancias por presuntas irregularidades
Por Redacción |