Detido por roubar e golpear un tendeiro de Meaño tapado cunha careta
Por Redacción
A Garda Civil de Sanxenxo detivo un mozo de Meaño como presunto autor dun roubo con violencia que cometera o martes nunha tenda da súa localidade coa cara tapada cunha careta. A suposta vítima é un septuaxenario que necesitou asistencia sanitaria tras o incidente.
O detido é J.B.S., de 24 anos. Segundo denunciou a vítima, o seu asaltante entrou co rostro tapado, propinoulle un forte golpe, logrou tiralo ao chan e apoderouse de 1.200 euros que levaba enriba. Causoulle lesións das que foi atendido no centro médico de Meaño.
Segundo informou a Garda Civil, os feitos lograron esclarecerse grazas á estreita colaboración na investigación da Policía Local de Meaño. Malia que o mozo foi identificado instantes despois do roubo, foi necesario recompilar indicios obxectivos que permitirían posteriormente a súa detención no seu propio domicilio.
O detido xa protagonizara previamente un episodio violento que o obrigara a cumprir unha pena de prisión. Por estes feitos pasará a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Cambados.