O PP solicita que se dea prioridade aos parados no mercado da Feira Franca
Por Redacción
O Partido Popular quere que o Concello de Pontevedra dea prioridade aos parados na montaxe e xestión dos postos do mercado da Feira Franca. A oposición municipal lamenta que "o primeiro e principal problema que existe na cidade, a condición de desempregados dunhas dez mil persoas, non teña cabida nas bases para a adxudicación de cada punto de venta".
En concreto, a normativa municipal dispón como criterios de selección a orixinalidade, calidade, presentación e elaboración artesanal da oferta, sen admitir produtos creados por procedementos industriais ou que teñan unha alta comercialización. Non di nada sobre a situación económica ou laboral dos solicitantes.
A proposta do PP chega tarde dado que o prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado 16 de xullo e admisión concretarase nos vindeiros días. Por iso, o PP defende que, "caso de non ser xa posible dar prioridade aos parados para a edición deste ano 2014 da Feira Franca, se modifiquen nese sentido as bases para as seguintes convocatorias".