Pontevedra é fiel á tradición do Corpus
Por Diego Espiño
Cun día soleado e as tradicionais alfombras florais decorando a entrada da basílica de Santa María e o altar instalado na Ferrería, os pontevedreses puideron participar nuns lucidos actos do Corpus Christi.
As celebracións relixiosas tiveron o seu acto principal no templo de San Bartolomé por tratarse de ano par. Dende alí, tras a misa solemne saíu a procesión, que percorreu as rúas Sarmiento, Pasantería, Paseo de Odriozola, A Ferrería, onde a comitiva se detivo no altar, Soportais, Curros Enríquez, Manuel Quiroga, Don Filiberto, Alhóndiga e Avenida de Santa María, para recollerse na basílica.
Moitos pontevedreses acompañaron ao cortexo relixioso que rematou ante os mantos florais elaborados por voluntarios da parroquia dende a tarde do sábado.
CONTRATEMPO NOS ACTOS CIVÍS
A nota da xornada produciuse nos actos civís organizados polo Gremio de Mareantes, que todos os anos ofrecen á corporación municipal, co alcalde á fronte, un pouco de pan de millo e augardente no adro da capela de San Roque a primeira hora da mañá.
Sen embargo a corporación municipal chegou con atraso á cita e non puido cumprir coa tradición, posto que os Mareantes xa abandonaran o lugar.