Catro meses de obras para renovar os servizos de Andrés Mellado e a Praza de Galicia
Por Alejandro Espiño
Andrés Mellado e a Praza de Galicia afrontarán nos próximos meses unhas obras que permitirán mellorar e rehabilitar integralmente os servizos que pasan por debaixo do seu asfalto. Así o anunciou este venres o concelleiro responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González. Son dúas zonas, dixo, onde as redes de abastecemento non están nas súas mellores condicións debido á súa antigüidade, unhas deficiencias que se corrixirán con esta actuación.
En concreto, Raimundo González explicou que hai unha serie de problemas no funcionamento dos colectores, que provocan filtracións, atoamentos e desbordamento dos pozos, especialmente en época de chuvias abundantes. Ao mesmo tempo, parte da rede é moi antiga e a maior parte dos colectores de augas pluviais aínda están conectados coa rede de saneamento.
Con esta actuación, valorada en 372.000 euros e que se financiará con cargo ao contrato con Viaqua (antiga Aquagest), melloraranse as redes de abastecemento de auga, rede de sumidoiros e pluviais. En total, renovaranse 1.000 metros de canalización e repoñeranse 1.500 metros cadrados de beirarrúas, a medida que vaian rematando os traballos. Quedarán renovadas as beirarrúas perimetrais da Praza de Galicia e a marxe esquerda de Andrés Mellado.
As obras abordaranse conxuntamente pero executaranse por fases, comezando pola Praza de Galicia. Iniciaranse o próximo 23 de xuño e está previsto que duren catro meses, sempre que as condicións meteorolóxicas permitan o avance axeitado dos traballos, segundo o edil nacionalista.
En todo caso, indican desde o goberno municipal, non se actuará no centro da praza nin na zona axardinada, que manterán o mesmo aspecto que teñen na actualidade.