Telmo Martín evita apoiar a Jacobo Moreira como candidato ao congreso local do 12 de xullo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Telmo Martín, anunciou á xunta local a convocatoria extraordinaria do Congreso local para o 12 de xullo.
Martín González, ex alcalde de Sanxenxo e agora deputado popular no Congreso, leva á fronte do PP pontevedrés dende o 6 de outubro do ano 2007, e no ano 2011 anunciou a súa intención de deixar este cargo e ser relavado á fronte do grupo municipal co que concorreu como cabeza de lista á alcaldía "pero é o partido o que debe decidir cando un ten que dar os pasos", admitiu hoxe Telmo Martín.
Segundo o procedemento interno do PP, nos próximos días remitiráselles unha comunicación a todos os afiliados "coa convocatoria oficial deste congreso extraordinario". Tres días antes do congreso as persoas que queiran presentar a súa candidatura teñen que reunir os avais, que no caso de Pontevedra corresponde co 20% dos afiliados que teñan as súas cotas ao corrente de pagamento. A día de hoxe son 2.189 afiliados, dos que 171 pertencen a Novas Xeracións.
"Teño que ser imparcial, non debo apoiar a ninguén, nin a Jacobo nin a ningún dos que se presenten"
Polo momento o voceiro do grupo municipal, Jacobo Moreira, é o único que anunciou publicamente a súa intención de aspirar ao cargo.
Moreira entrou na política local da man de Telmo Martín, que o nomeou o seu vicevoceiro, non obstante ao preguntalo se agora apoia a Jacobo Moreira como candidato Telmo respondeu que "teño que ser imparcial, non debo apoiar a ninguén, nin a Jacobo nin a ningún dos que se presenten".
Para argumentar a súa postura o exalcalde de Sanxenxo indicou que "tal e como están as cousas", en referencia ás pasadas eleccións europeas, "os partidos temos que abrirnos un pouco máis. Calquera dos 2.189 afiliados ten dereito a ser candidato se así o estima. E eu teño que ser imparcial", sentenciou.
Neste sentido Telmo Martín admite que o seu escenario ideal "sería que houbese varias candidaturas, loxicamente," xa que entende que "se fas un congreso moi pechado á xente non lle gusta. Estannos a reclamar outras cousas".
"Para o meu sería un orgullo que se presentasen varios candidatos e que cada un vote libremente a quen queira"
"Para o meu sería un orgullo que se presentasen varios candidatos e que cada un vote libremente a quen queira. Iso sería moi bo para a democracia", apostilou. O congresista pontevedrés comentou ademais que "parece que hai certo interese e movemento por parte doutras persoas por ser candidato".
Sobre Jacobo Moreira recordou que formou parte do seu equipo dende o ano 2007 ata que o deixei. "ÿ unha persoa que traballaba ben no Concello e que creo que coñece perfectamente Pontevedra. Non vou poñer en dúbida a súa valía, o que sabe e o que aprendeu durante estes anos", dixo.
Do equipo inicial de Telmo Martín na Corporación local marcharon catro dos once concelleiros por discrepancias coa xestión de Moreira unha vez que asumiu as rendas do grupo municipal. Ademais Moreira ten pendente a decisión de aceptar o escano de deputado autonómico que lle corresponderá cando renuncie Agustín Hernández para facerse cargo da Alcaldía de Santiago.
O principal valedor de Jacobo Moreira é o secretario xeral do PP de Galicia, Alfonso Rueda, que publicamente confesou que Moreira é o "candidato ideal".