Varios detidos en Pontevedra e Marín por delitos vinculados coa inmigración irregular
Por Redacción
A Policía Nacional detivo nas últimas horas a doce persoas en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Pontevedra e Marín por delitos vinculados a inmigración irregular. Relaciónaselles cunha mesma organización criminal da que foron imputadas outras 20 persoas con maior ou menor implicación na trama.
A operación realizárona axentes do Grupo UCRIF da Brigada de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Vigo en coordinación co Xulgado de Instrución número 5 de Vigo. Dez dos detidos son homes (cinco de nacionalidade estranxeira e cinco españois) e dúas mulleres, ambas as dúas estranxeiras, de orixe nixeriana e dominicana.
Os investigadores atribúenlle varios delitos relativos ao favorecemento de inmigración irregular, falsidade documental, estafa, delitos contra os dereitos dos traballadores e pertenza a organización criminal que terían estado a investigar dende o mes de xaneiro.
O operativo comezou tras descubrir a existencia dunha asesoría legal de Santiago que intentaba documentar a cidadáns estranxeiros en situación irregular en España. Tras tirar do fío comprobaron que era unha peza máis dun grupo que emitía contratos de traballo ficticios a nome de cidadáns estranxeiros que residían en España de forma irregular e a outras persoas que, residindo nos seus países de orixe, pretendían solicitar autorizacións de residencia e traballo en España.
Para realizar esas xestións valíanse dunha armazón de empresas e facilitaban aos estranxeiros contratos ficticios nos que non adoitaban achegar a situación do centro de traballo. Algunhas das empresas utilizadas eran insolventes e outras non estaban ao corrente das súas obrigas fiscais nin dos seus pagamentos á Seguridade Social.
Como exemplo destas prácticas os policías detectaron o caso dun subsahariano que recoñeceu que pagaba á organización case 300 euros mensuais en concepto de cotización á Seguridade Social para acreditar a súa situación de cotizante ao desempeñar unha actividade laboral.