A Xunta non contempla que se asignen doentes de Marín e Bueu a Povisa, anunciouno "por erro"
Por Natalia Puga
A Xunta de Galicia non ten entre os seus plans abrir a posibilidade de que se derive enfermos adscritos aos centros de saúde de Bueu e Marín ao hospital de Povisa. O Goberno galego anunciouno o xoves a través dun comunicado oficial, pero agora asegura que nunca tivo intención de aplicar esta medida, senón que se anunciou "por erro".
Fontes da Delegación Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra confirmaron que houbo un "erro de transcrición" no comunicado que se emitiu tras o Consello da Xunta do pasado xoves. Á hora de falar do novo concerto que se asinará con Povisa, aprobouse que se poderían derivar a este centro de Vigo a pacientes de Cangas e Moaña, pero non dos outros dous municipios da comarca do Morrazo.
No comunicado incluíuse a Cangas, Moaña, Bueu e Marín cando só debía terse incluído os dous primeiros, segundo explican as mesmas fontes.
En todo caso, estas derivacións son voluntarias. Os pacientes de Cangas e Moaña que non queiran ir a Povisa, quedarán asignados ao Complexo Hospitalario de Pontevedra como ata agora.
O anuncio causou malestar nos concellos afectados e desatou reaccións entre diversos colectivos en defensa da sanidade pública.
Relacionadas:
-
Doentes de Marín e Bueu poderán ser asignados a partir de agora ao hospital vigués de Povisa
Por Redacción | Creada e actualizada