Volve a tempada de balnearios con 6.000 prazas
Por Redacción
6.000 persoas poderán unirse ás estadías en establecementos termais da provincia que oferta a Deputación de Pontevedra no marco dos programas 'Saúde e Benestar' e 'Coidarte'.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste luns publica as bases dos dous programas, que teñen como obxectivo ofrecer oportunidades de lecer e de coidado da saúde a prezos reducidos ás persoas maiores e contribuír á desestacionalización do turismo e, en consecuencia, ao mantemento do emprego nos establecementos termais durante a temporada baixa.
Tanto en 'Coidarte' como en 'Saúde e Benestar', poderán ser beneficiarios dos programas as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra de máis de 50, pensionistas e aquelas que se dediquen ao coidado de persoas dependentes e precisen dun respiro familiar.
No caso do programa 'Saúde e Benestar', que xestionará Viajes El Corte Inglés, tal e como acordou na Xunta de Goberno da Deputación, os beneficiarios poderán disfrutar de seis días e cinco noites nun dos nove hoteis ofertados, en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural. O prezo das estadías está subvencionado con 30 euros por praza por parte da Deputación.
O programa 'Coidarte', que xestionará Halcón Viajes, permitirá que as persoas ás que vai destinado o plan poidan disfrutar de cinco tardes, de luns a venres, nun dos sete balnearios, talaso ou spa da provincia que se ofertan, a prezos reducidos e contando, ademais, con transporte diario de ida e volta entre o seu concello de residencia e o establecemento hoteleiro elixido. Neste caso, a Deputación subvenciona con 35 euros o prezo de cada praza e os concellos que se adhiran ao programa achegarán outros 10 euros.