O persoal de Tafisa demanda ao PP unha entrevista urxente coa Xunta
Por Redacción
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, reuniuse durante a mañá deste luns co comité de empresa de Tafisa na sede local do partido na rúa Oliva dentro da rolda de entrevistas que os representantes dos traballadores están a manter con distintas autoridades e representantes políticos coa intención de solicitar apoios que poidan evitar o peche da fábrica de taboleiros de Ponte Caldelas co despedimento de 60 traballadores.
Jacobo Moreira indicou aos membros do comité que están pendentes do informe que o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, solicitou sobre o convenio que o Concello de Pontevedra asinou co grupo Sonae, matriz de Tafisa, hai dez anos con motivo da marcha da empresa dos terreos que ocupaba a beiras do Lérez. Moreira apuntou que "se ese informe reflexa algunha posibilidade, teñen o apoio do Partido Popular para esixirlle a Tafisa todo o que se poida esixir". O portavoz volveu incidir en que este convenio "é un dos grandes fracasos da política do alcalde de Pontevedra, do señor Lores, un convenio que non pasou polo pleno e non recibiu os informes de intervención nin os informes técnicos necesarios".
O presidente do comité de empresa, José Manuel Moledo, manifestou a necesidade urxente dun encontro con representantes da Xunta de Galicia, tras solicitar entrevistas na Consellería de Industria e ao presidente Alberto Núñez Feijóo. Os traballadores indican que tería que celebrarse antes do día 26, cando está previsto que finalicen as negociacións coa empresa nas que se están a establecer as condicións do peche da fábrica. Jacobo Moreira amosou a súa intención de intermediar cos representantes da administración galega para que reciban o comité de empresa.
Este martes 3 de xuño volverán reunirse representantes da dirección e da parte social no edificio de Novagalicia Banco para continuar negociando. Os traballadores concentraranse durante ese encontro na praza de San Xosé.
Moledo e o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, insistiron en que a empresa está a ofrecer análises económicas "maquilladas" para xustificar o peche: "Hai un expediente de regulación firmado en febreiro cun plan de viabilidade e hai unhas razóns que non xustifican este ERE con carácter de extinción. Había un plan ata hai quince días onde a dirección incrementaba os turnos porque a produción íase incrementar porque as solicitudes de matería ían moi ben e os mercados e os novos contratos estaban en franca posición de positividade", apuntou Ramón Vidal.