Detido por roubar no interior de dous vehículos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra de 37 anos ingresou en prisión nos últimos días tras ser detido por roubar no interior de dous vehículos. Cando o arrestaron, os axentes comprobaron que tiña en vigor unha orde de busca dun xulgado pontevedrés, motivo polo que xa se determinou o seu ingreso na Lama.
Segundo informou a Policía Nacional, o detido, de orixe coruñesa, ten antecedentes policiais por delitos contra o patrimonio e nesta ocasión foi detido como presunto autor de dous roubos con forza.
O seu arresto ten a súa orixe na denuncia de dous veciños de Pontevedra que acudiron á Comisaría para comunicar que lle roubaran no coche tras forzar a xanela. En ambos os dous casos o autor do roubo con forza apoderouse de varios efectos e mesmo diñeiro en efectivo do interior dos vehículos.
O presunto autor foi detido sobre as 10.00 horas do 26 de maio e, unha vez en dependencias policiais, os axentes comprobaron que lle constaba unha busca, detención e ingreso en prisión decretada polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra.