Vilagarcía seguirá nunha pantalla xigante a final da Champions League
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Praza de Galicia converterase a tarde noite do sábado no epicentro dunha gran festa do fútbol coa emisión pública e en directo da final da Champion League entre o Real Madrid e o Atlético de Madrid.
O Concello promove a iniciativa a efectos de aproveitar o ambiente festivo que xa se vive estes días con motivo da celebración de Santa Rita, para que os vilagarciáns non queden na casa nestas datas, non perdan a oportunidade de gozar do evento deportivo de xeito multitudinario e para que ao remate do partido continúen a festa nas rúas da cidade.
O Concello chegou a un acordo coa empresa que xestiona a pantalla xigante da Praza de Galicia para emitir nela a final que se disputa en Lisboa entre os dous equipos españois, un evento histórico para o deporte que o Concello pretende que tanto "as afeccións de ámbolos dous equipos como os do fútbol en xeral compartan con alegría, nun clima de confraternidade e de festa".