Sanxenxo investirá 92.000 euros na piscina para reducir o seu consumo enerxético
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O organismo autónomo Terra de Sanxenxo adxudicou o servizo destinado a dotar dunha instalación de enerxía solar térmica á piscina municipal, para quentar tanto a auga sanitaria coma a do vaso dedicado ao baño deportivo, á firma Sol Para Nós SL.
A Administración local destinará a esta actuación unha contía que ascende a 92.083,42 euros, "que nos permitirá reducir nun 30% o consumo de enerxía que precisa actualmente este equipamento no que xa temos implantada dende hai un ano unha primeira fase de aforro coa que diminuímos o custe derivado de quentar a auga nun 51%", comentou o concelleiro delegado de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez.
De feito, esta instalación será complementaria ao equipo convencional de quentamento de auga existente no complexo, que garantirá a continuidade da subministración de demanda térmica en caso de que non estivese dispoñible o sistema solar.
"Contaremos cunha das piscinas de menor consumo de toda a Comunidade"
Tal e como confirmou o titular de Medio Ambiente o servizo licitado inclúe captadores da radiación solar que incida sobre a superficie e que a transforman en enerxía térmica que será transferida aos depósitos acumuladores de auga quente sanitaria e á mesma piscina.
Os paneis que se colocarán ocuparán unha superficie neta de 120 m2, mentres que o sistema de acumulación estará composto por tres depósitos de 2.500 litros cada un emprazados nun anexo ás salas de climatización e caldeiras.
Unha vez estea operativa esta infraestrutura "contaremos cunha das piscinas de menor consumo de toda a Comunidade", engadiu o edil.