Detidas tres persoas por reclamacións xudiciais
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Axentes da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon durante os días 16 e 19 de maio á identificación e detención de tres persoas que estaban a ser buscadas por diferentes xulgados.
Segundo informaron fontes oficiais, o primeiro dos detidos produciuse o día 16 de maio sobre as 14:00 horas. O detido foi un individuo de 46 anos de idade, natural de Uruguai e veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais, que estaba a ser buscado polo Xulgado do Penal n.º 1 de Pontevedra para que comparecese como imputado a un xuízo.
A segunda das detencións levouse a cabo sobre as 11:00 horas do día 19 de maio. Os axentes identificaron na Praza de Curros Enríquez, a un individuo de 49 anos, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais, ao que lle constaba unha orde de detención e ingreso en prisión decretada por un Xulgado do Penal número catro de Pamplona por un delito de lesións.
O terceiro dos casos produciuse ás 22.25 horas do día 19 de maio cando axentes da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon á identificación dun individuo de 42 anos, veciño de Pontevedra, de nacionalidade española, con antecedentes policiais, comprobando a través dos arquivos informáticos da Dirección Xeneral da Policía que lle constaba unha orde de detención e personación decretada por un Xulgado do Penal número tres de Pontevedra, motivada por un delito de roubo con forza.