Un experimento fallido transfórmase nun artístico regalo
Por Oskar Viéitez
Seguindo a máxima de Confucio "contáronmo e esquecino; vino e entendino; fíxeno e aprendino", a profesora Carmen Hermo propuxo un exercicio práctico sobre a técnica do temple aos alumnos de segundo curso da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra.
A profesora elixiu dúas grandes fotografías, unha da fachada do Concello e outra da Deputación, e dividiunas en cadrados que repartiu entre os alumnos.
O exercicio consistiu en poñer a proba a capacidade de coordinación entre os estudantes para que o resultado fose o máis homoxéneo posible á hora elaborar o debuxo con esta técnica de pintura característica da Idade Media europea na que o disolvente do pigmento é a auga e o aglutinante o ovo.
Carmen Hermo non logrou a coordinación que esperaba dos seus alumnos pero o resultado do experimento foron dous mosaicos de certa beleza, que este martes se entregaron como agasallos ás dúas institucións.