Deteñen por omisión do deber de socorro e por conducir ebrio ao taxista do accidente mortal de Vilanova
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O condutor do taxi implicado no accidente mortal da tarde do martes en Vilanova de Arousa foi detido. A Garda Civil de Pontevedra detívoo por dous delitos contra a seguridade do tráfico: condución alcohólica e omisión do deber de socorro. Este último por abandonar o lugar do accidente tras a colisión co Opel Astra no que viaxaban a muller falecida e dous ocupantes, un deles ferido grave.
A Garda Civil non o localizou no lugar do accidente, pero si máis tarde nun centro de saúde. Sometérono a unha proba de alcoholemia na que deu resultado positivo. Posteriormente foi detido e fontes oficiais indicaron que está á espera de pasar a disposición do Xulgado de Garda de Vilagarcía.
O detido, A.M.D.I, de 40 anos, é veciño da Illa de Arousa, pero traballa de taxista en Pontevedra. O accidente tívoo ao invadir o carril contrario sobre as 19.30 horas deste martes na estrada PO-530 entre Cambados e Vilagarcía de Arousa. Aconteceu á altura do Concello de Vilanova e colisionar co seu Ford Focus cun Opel Astra que circulaba correctamente polo carril contrario.
A consecuencia da colisión faleceu a condutora do outro turismo, a veciña de Vilanova de Arousa R.M.P.J., de 48 anos. No mesmo turismo ían de acompañantes o veciño de Vilanova de Arousa F.L.G.G., de 46 anos, que resultou ileso; e F.G.M., tamén veciño de Vilanova de Arousa de 78 anos, que resultou ferido grave e se trasladou ao hospital.
Como consecuencia do accidente, permaneceu cortada a estrada entre as 19.30 e as 21.00 horas. Durante este tempo, Tráfico habilitou desvíos alternativos para facilitar a circulación.
Relacionadas:
-
Falece unha muller nun accidente de tráfico en Vilanova de Arousa
Por Redacción | Creada e actualizada