Pontevedra volve situarse no mapa español do dereito concursal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A crise económica e financeira disparou o número de concursos de acredores. No primeiro trimestre deste ano tramitáronse 1.883 en España, dos que 108 foron en Galicia e 49 en Pontevedra. As estatísticas pontevedresas revelan unha singularidade, que mentres a nivel galego descenderon de 130 a 108 nun ano, nesta provincia aumentaron de 41 a 49.
No caso da provincia, estanse a declarar en concurso empresas pequenas, con poucos traballadores e de todos os sectores, dende talleres a salóns de peiteado, unha situación que "no es buena" porque "lo que evidencia es que nuestra economía está afectada en todos los sectores".
A nivel estatal, a tendencia é a que descendan no sector inmobiliario e crezan nos servizos, de tal forma que as empresas que se acollen aos procedementos concursais son un 17% da construción, un 19% do mundo inmobiliario, un 11% da industria, un 17% do comercio e a distribución e un 21% dos servizos.
Os datos achegáronos este mércores o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Eduardo Barros, e o decano do Colexio Provincial de Avogados Ramón Jáudenes, durante a presentación da novena edición das Xornadas de Dereito Concursal, que se celebrarán os días 22 e 23 de maio no Sexto Edificio do Museo.
Barros indicou que nos seus oito primeiros anos estas xornadas se consolidaron en toda España como un dos mellores foros de debate sobre unha especialidade xurídica que a crise converteu "en una herramienta de primera necesidad para muchas empresas y ciudadanos particulares".
Este ano o seu programa foi deseñado polo administrador concursal Alberto García Pombo e a secretaria da Cámara de Comercio, Rosario Lorenzo, tendo en conta os aspectos máis interesantes para este colectivo de profesionais e aqueles temas que suscitan maior debate, de modo que cobra especial protagonismo a recente reforma da Lei Concursal e aumentará o seu horario en medio día con respecto a edicións anteriores.
A Cámara considera que aínda é prematuro avanzar o número de participantes, pero confía en superar as cifras da edición anterior, con 123 profesionais chegados de toda España. Ao respecto, Ramón Jáudenes sinalou que esta é unha das actividades "de las que necesita nuestra ciudad", pois "nos pone en el mapa como referencia de profesionales de toda España".
O decano desvelou que o Colexio de Avogados "creyó siempre" nestas xornadas e considera que "viene muy bien a Pontevedriña", á que, en certa medida, axuda a salvar o seu tecido produtivo, tan afectado pola crise económica.