![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5357ce1f47a6e-img_9524.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
As protestas contra a A-57 chegan á Subida Cidade de Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A 'Subida Cidade de Pontevedra' arrastra cada ano a centos de persoas que seguen a carreira ao longo de todo o percorrido. Este ano, os que acudan a este evento o sábado 10 ou o domingo 11 atoparanse coas reivindicacións da plataforma veciñal 'Salvemos a Fracha'.
O colectivo anunciou este venres que fará acto de presencia durante a fin de semana na celebración deste evento, que este ano chega á súa décimo sétima edición e que percorre a estrada que sube cara ao polígono de O Campiño polo interior de Marcón. Farano para para poñer de manifesto a súa oposición ao proxecto da autovía A-57.
Segundo explicaron, os afectados instalarán postes e pancartas informativas ao longo de todo o percorrido da carreira para que os convocantes, participantes e público do acto deportivo coñezan a problemática asociada a este proxecto e a postura veciñal, que xa trasmitiron ao Ministerio de Fomento durante a fase de alegacións do estudo de impacto ambiental.
'Salvemos a Fracha' cuestiona que este proxecto supón un gasto de máis de 84 millóns de euros para crear una infraestructura viaria de tan sólo 6,2 quilómetros no seu tramo Vilaboa-A Ermida que, ao seu modo de ver, "resulta inútil e innecesaria para os veciños de Pontevedra e os concellos colindantes".
A plataforma pide que se retire o proxecto e, como alternativa, que ese orzamento se adique a gastos sociais máis necesarios na actualidade e á liberalización da peaxe da AP-9, de tal maneira que "axilizaría a comunicación entre Vigo e Pontevedra e sí levaría consigo beneficios para todos os cidadáns".
Dende o inicio da súa tramitación, esta autovía presentouse como unha circunvalación a Pontevedra. Fronte a isto, os veciños aseguran que non é tal circunvalación, senón un corredor ao que só se pode acceder polos seus dous extremos, pero sen dar acceso a ningunha das poboacións intermedias das catro parroquias que atravesa ao longo dos términos municipais de Pontevedra e Vilaboa: Figueirido, Bértola, Tomeza e Marcón.