Cada ano diagnostícanse no CHOP 20 novos casos de melanoma
Por Redacción
O melanoma é responsable de case un 80% das mortes por cancro de pel e a súa incidencia duplicouse nos últimos 20 anos. ÿ o cancro cutáneo máis agresivo e de peor prognóstico e na área sanitaria de Pontevedra diagnostícanse uns 20 novos casos ao ano, segundo os datos aportados pola Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés.
Para concienciar á poboación sobre a importancia da prevención e o diagnóstico precoz deste tipo de cancro de pel, o servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra participa na campaña Euromelanoma 2014, organizada pola Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV) e que se desenvolve simultaneamente en todo o ámbito europeo.
Un dos obxectivos básicos desta campaña é a prevención primaria en cancro de pel, coa promoción de hábitos de vida saudables que minimicen o impacto do principal factor de risco modificable en cancro cutáneo, que é a exposición inadecuada á radiación ultravioleta.
Os dermatólogos insisten na importancia da educación en fotoprotección, evitando unha excesiva exposición ao sol e utilizando filtros solares adecuados ao tipo de pel. Estas sinxelas medidas poden paliar o risco de padecer melanoma.
O segundo obxectivo da campaña é lograr un diagnóstico precoz do cancro de pel, mediante a inspección cutánea e o uso de técnicas non invasivas. Por iso, o servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra realizará o próximo día 13 de maio unha xornada de valoración de lesións cutáneas que sexan sospeitosas de malignidade no Centro de Especialidades de Mollabao.
A xornada estará a cargo da doutora Ángeles Flórez, responsable da consulta de oncoloxía cutánea do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Aquelas persoas que desexen participar nesta xornada de cribado deberán inscribirse a través da páxina web da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV).