Convocada a quinta edición do concurso exposición de espantallos
Por Redacción
A Asociación Cultural Río Barbeira acaba de convocar unha nova edición do Concurso Exposición de Espantallos, que alcanza a súa quinta edición, e cuxo prazo para a presentación de obras ao concurso finaliza o próximo 11 de maio. Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello da Lama, o Centro Penitenciario, Casa Florencio e a Comunidade de Montes de Escuadra.
Os concursantes poderán competir na modalidade de "espantallo" tradicional ou na de creación libre e os gañadores recibirán premios en metálico pola súa participación.
Os "espantallos" participantes serán expostos ao longo da ruta do río Barbeira, no termo municipal da Lama, de forma que aquelas persoas que queiran ver a capacidade creativa dos participantes poidan tamén aproveitar a iniciativa para coñecer a beleza paisaxística e etnográfica da zona por onde discorre o río Barbeira.