Urbanismo autoriza a continuación das obras nocturnas na estación do ferrocarril
Por Redacción
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asinou un decreto polo que se autoriza a continuidade das obras na estación do ferrocarril en horario nocturno. A resolución, pola que se levanta a orde de suspensión emitida durante o pasado mes, impón severas condicións para facer compatible esta actuación, de interese xeral, co dereito ao descanso dos veciños da contorna.
As empresas da Unión Temporal Cerponzóns obteñen así autorización para traballar tres noites á semana en días alternos (de luns a martes, de mércores a xoves e de venres a sábado) entre as 22.00 horas e as 08.00 horas. A duración da autorización é de dous meses.
Antón Louro fai constar no decreto que a medida conta con todos os informes favorables dos técnicos municipais, que valoraron por un lado o evidente interese xeral de rematar as obras que promove o Ministerio de Fomento, e, por outro, que se xustificou adecuadamente a imposibilidade de realizar as obras durante o día por motivos de seguridade e pola imposibilidade de cortar o tráfico ferroviario nesa franxa horaria.
O tenente de alcalde esixe ás empresas que utilicen equipos de subministro eléctrico con carcasa amortecedora de ruídos, a utilización de corte de carril con soldadura, con prohibición do uso de medios mecánicos, e finalmente, a montaxe dos aparellos de vía empregando o uso de pórticos, co cal se reducirá de xeito considerable a emisión sonora. Quedan tamén prohibidas as retroescavadoras.
A resolución municipal lembra tamén que, se ben a Ordenanza Municipal de ruídos, prohíbe as obras en horario nocturno de xeito xenérico, admite como excepción as obras urxentes e as que sexa imposible executar de día. Nestes casos, deben ser autorizadas expresamente polo Concello con determinación das medidas correctoras a cumprir.