![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e62/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/535f99bcc9-20140429-puga-juicio-lesiones-figueirido-010.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Acepta ano e medio de prisión por dar patadas, puñazos e navalladas a un mozo de Marín en Figueirido
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
O veciño de Figueirido Issan S.K. recoñeceu este martes ante a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra que, en abril do ano 2010, lle propinou patadas e puñazos a un veciño de Marín e cortouno cunha navalla durante unha agresión. Tras asumir os feitos, aceptou unha pena de ano e medio de prisión.
O acusado, de orixe marroquí, enfrontábase a catro anos de prisión, pero alcanzou un acordo de conformidade co fiscal polo que se reduciu a petición de condena tendo en conta a circunstancia atenuante da responsabilidade criminal de embriaguez, pois o día en que agrediu ao marinense estaba bebido.
En función do novo acordo, cumprirá un ano e medio de cárcere e deberá pagar unha multa de 360 euros (dous meses a razón dunha cota diaria de 6 euros). Ademais, deberá indemnizar a súa vítima con 2.000 euros polas lesións que recoñeceu terlle causado.
Segundo explicaron dende o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os feitos polos que este martes se sentou no banco foron que deu unha puñada na cara á vítima e patadas cando xa estaba no chan, lle fixo diversos cortes polo corpo cunha navalla e lle golpeou finalmente cunha patada na cabeza que o deixou sen coñecemento. Nese momento, aproveitou presuntamente para roubarlle.
No seu día, fontes da investigación informaran de que o agora acusado chegou a entrar en prisión provisional por estes feitos, que aconteceron na madrugada do 6 de abril de 2010, cando a vítima asegurou que fixo autostop para volver á súa casa de Marín dende a discoteca La Luna e o recolleu o agora acusado.