Ingresan en prisión os atracadores dos tres taxistas
Por Redacción
Tras prestar declaración durante toda a mañá do sábado 17 en dependencias xudiciais, os dous mozos de 23 e 20 anos, detidos como presuntos autores dun delito de roubo con intimidación a tres taxistas, ingresaban en prisión.
Ambos os dous son veciños de Pontevedra e naturais de Marrocos. O xoves 15 de novembro intimidaban un taxista na capital pontevedresa cun machete no colo e cun coitelo no costado obrigándoo a darlles todo o diñeiro que levaba, arredor de 120 euros, ademais de apoderarse das chaves do vehículo.
Ese mesmo día, outro taxista con parada en Marín tamén denunciou ter sido vítima dun roubo con intimidación por parte dun mozo que lle ameazara cun machete e cun coitelo. O taxista negárase a darlle o diñeiro e no transcurso dun forcexo entre o asaltante e a vítima, esta última resultaba ferida cun corte nun dedo e no pulso.
A última atracada foi unha taxista de Bueu que describiu ao asaltante como un individuo de orixe árabe coas mesmas características que o autor dos roubos anteriores
A través destes datos, a Policía logrou recoñecer un dos autores como o propietario dun ciclomotor situado nas inmediacións das pistas de Campolongo onde se encontraba co compañeiro que o axudara nos atracos. Ambos os dous foron trasladados a dependencias policiais. Alí declararon que as chaves do primeiro taxi foran botadas ao río Lérez e que depositaran unha mochila cos útiles empregados para o roubo nunha sala de xogos de Pontevedra. Os axentes tras recuperala comprobaron que no interior portaban:
· Un coitelo
· Un coitelo curvado de media lúa
· Un plumífero
· Un par de luvas
· Un pasamontañas
· Un polar vermello
· Un billete dobrado de 50
Tras prestar declaración en comisaría pasaron a disposición xudicial e, posteriormente, decretouse o ingreso en prisión de ambos os dous.