O Congreso Lusocom achega 200 investigadores de Portugal, Brasil, Mozambique e Cabo Verde a Ciencias Sociais
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este venres 11 comezou na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o undécimo congreso Lusocom no que participan máis de 200 investigadores para analizar como a comunicación pode contribuír ao reforzo dos lazos de unión dunha comunidade que vai máis alá das fronteiras e na que habitan máis de 200 millóns de persoas.
O congreso continúa durante este sábado no que se darán cita en Pontevedra investigadores de Galicia, Brasil, Portugal, Mozambique e Cabo Verde que terán como tema de debate a contraposición dos conceptos de 'marca país' e 'marca territorio', referíndose a aqueles espazos "que non coinciden coas fronteiras dun país, senón coas dunha identidade, dunha cultura, que non é xeográfica pero que é real", segundo expuxo a profesora Enma Torres, directora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, na inauguración destas xornadas.
O acto de apertura estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que defendeu a 'marca territorio' como "unha aposta clara e decidida na que a Universidade milita activamente". Mato destacou, segundo recolle o Diario da Universidade de Vigo, o feito de que a lusofonía une de moitas maneiras os distintos territorios.