O Concello réndelle homenaxe a Ernestina Otero Sestelo, profesora da Escola Normal
Por Redacción
Despois da constitución formal do pasado mes de decembro, este mércores tivo lugar a primeira xuntanza de traballo do consello asesor do Consello asesor da Memoria das Mulleres, na que se fixo balance dos primeiros meses de actividade e se aprobou o plan de traballo para o segundo trimestre do ano.
Na reunión tratouse o primeiro borrador do documento base para a elaboración da enciclopedia das mulleres, nas que se recollen os nomes e datos biográficos dunhas 70 mulleres que viviron na cidade entre o século XIV e a primeira metade do século XX; inclúense nomes de mulleres da nobreza, bruxas e adiviñas, encaixeiras, comerciantes, ensinantes, escritoras, vendedoras de peixe, deportistas, científicas ou mulleres que exerceron a súa actividade no ámbito musical, teatral, da política ou das artes plásticas.
O primeiro borrador da enciclopedia das mulleres inclúe nomes como a navegante Isabel Barreto (século XVI), as meigas Ana Rodríguez e Leonor da Fonte (século XVII), as encaixeiras Micaela de Boxas ou Dominga de Lemos (século XVIII), a comerciante Clara López (Almacéns Clarita); as ensinantes Josefa Iglesias Vilarelle, Ernestina Otero ou Daría González García; as pintoras Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal; as escritoras Aurora Vidal, Olegaria Dieste ou María Victoria Moreno; a fotógrafa Cándida Otero ou a científica Inmaculada Paz Andrade.
Ademáis na reunión falouse da promoción da presenza da memoria das mulleres no espazo público. En concreto, estudáronse medidas coma a rotulación de lugares, espazos públicos, equipamentos relacionados coa historia das mulleres: incluiranse rótulos con mulleres a título individual e tamén placas que lembren a mulleres de xeito colectivo (oficios)
Programaranse tamén roteiros urbanos para salientar o protagonismo e a presenza das mulleres na historia da cidade.
Entre as actividades propostas para o segundo trimestre están:
- Abril: roteiro O río, o mar e as mulleres das Moureiras
- Maio: II Simposio represaliadas e resistentes (A escola represaliada e resistente). Homenaxe á profesora e directora da Escola Normal de Pontevedra Ernestina Otero Sestelo.
- Xuño: presentación dos traballos realizados polos centros educativos que participan no programa.