A CIG denuncia que Treves sanciona tres dos seus delegados con intención de influír nas eleccións sindicais
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O sindicato CIG, maioritario no comité de empresa de Treves, denuncia que a empresa abriu expedientes sancionadores de suspensión de 6 días de traballo e soldo a tres dos seus delegados na fábrica auxiliar de Citroën, por unha falta grave por entender que incorreran en desobediencia ao opoñerse a traballar despois de que a empresa desconvocase a entrada do expediente de regulación de emprego (ERE). Segundo os representantes sindicais, o aviso produciuse con só 14 horas antelación incumprindo a normativa.
Os tres traballadores sancionados son representantes sindicais da CIG, entre os que se encontra o presidente do comité de empresa, David Couñago. E xa anunciaron que recorrerán esta sanción nos 20 días de prazo que se contemplan pero, segundo afirmaba Rafael Iglesias da CIG, temen que a empresa intente aplicar a sanción de suspensión de 6 días de emprego e soldo durante o período de eleccións sindicais, que se inicia o 31 de marzo e finaliza o 15 de maio.
David Couñago indicaba que "a empresa desexa un cambio no comité de empresa dende hai anos. Cada vez que hai un proceso de eleccións se queren cargar á CIG porque facemos cumprir a lei e mellorar as condicións de traballo".
Agora mesmo encóntranse na negociación do convenio colectivo en Treves e o presidente do comité apunta que "a empresa ven con condicións moi duras aplicando a reforma laboral do PP pura e dura e nós estamos a darlle para atrás e con outros lles sería máis fácil".
Ademais, os representantes sindicais indican que se están a incumprir acordos que tiñan asinados por métodos de tempos e denuncian que se estaba a traballar moi por enriba do ritmo que se lles marcaba. Segundo sinalaba Couñago, a dirección de Treves impoñía un ritmo de traballo para producir 2.030 pezas nalgúns módulos fronte ao que marca un estudo realizado por unha empresa externa que establecía que a produción debía situarse en 1.863 pezas.
Delegados da CIG en Treves denuncian movementos da empresa para que haxa un cambio no comité
David Couñago. Presidente do Comité de empresa en Treves
CC BY-NC-SA PontevedraViva