O Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía chega á cidade máis lonxeva de Galicia
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) escolleu a cidade de Pontevedra para desenvolver o XXVI Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía que terá como escenario o Pazo da Cultura durante os días 20 e 21 de xuño e que vai centrarse no 'Estilo de vida 3.0' cunha análise sobre as claves que permiten un envellecemento en positivo.
A presidenta do Comité Organizador, Lucía Saborido, e o presidente da SGXX, José Carlos Millán, acompañaron a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, na presentación deste Congreso que segundo expuxeron acolle Pontevedra, que figura como a cidade máis nova pero, á vez, máis lonxeva de Galicia.
Segundo os datos que manexa a SGXX, Pontevedra conta cun 21% de poboación que supera os 65 anos, mentres Galicia no seu conxunto se sitúa por enriba do 23% con máis de 640.000 persoas que superan esa idade.
José Carlos Millán explicou que este congreso se centra nos anciáns fráxiles porque é necesario potenciar o envellecemento positivo dende o punto de vista afectivo, da cognición e da actividade física sinalando que "todo o que sexa prevención vai redundar nesa mellora da capacidade de vida".
O Congreso, que está aberto a todo o público, contará coa asistencia de ao redor de 400 asistentes relacionados coa SGXX. Entre os relatores do programa destacan a doutora Catalina Hoffman, socia fundadora dos Centros de Día Vitalia; Teresa Martínez, psicóloga experta en xerontoloxía social e o fundador do Instituto Benpensante e Observatorio Europeo do Coaching, Daniel Álvarez.