O pregoeiro da Semana Santa pontevedresa será o secretario do Arcebispo de Santiago
Por Redacción
A Xunta Coordinadora da Semana Santa de Pontevedra está en pleno proceso de preparación dos actos previstos para esta celebración que, este ano, coincide entre o 13 e o 20 de abril e xa anuncian os actos previos que se van desenvolver neste mes de marzo.
O luns 17 de marzo no Teatro Principal a partir das 20:15 horas realizarase a interpretación de Motetes polo Coro de Ex-Cantores do Instituto de Pontevedra e, a continuación, lerase o prego que, nesta ocasión, correrá a cargo de Manuel Jesús Formoso Fernández, vicechanceler e secretario do Arcebispo de Santiago de Compostela.
A Basílica de Santa María acollerá o 5 de abril unha misa en recordo dos falecidos da Xunta Coordinadora e das Confrarías.
E xa este venres 14 de marzo, como vén sendo tradicional durante todos os venres de Coresma, rezarase o Vía Crucis na Igrexa conventual de Santa Clara. Un acto que xorde da colaboración entre a Confraría do Espírito Santo e dos compoñentes do coro de ex-cantores dos Institutos. Comezará ás 20:00 horas.