Detido por unha agresión con lesións durante a noite do martes de carnaval
Por Redacción
Axentes do Corpo Nacional de Policía da Comisaría Provincial de Pontevedra teñen idetificado e detido a un pontevedrés de 20 anos como presunto autor dun delito de lesións, tras golpear supostamente outro mozo durante a noite do martes de carnaval.
Segundo informa a Policía Nacional, os feitos sucederon sobre as 6:00 da madrugada do pasado día 5 de marzo á saída da discoteca Carabás, nas inmediacións da rúa Cobian Roffignac.
A denuncia foi presentada pola moza da vítima o día 6 de marzo, explicando que á saída dun local de ocio da zona en compañía da súa parella achegáronselles uns individuos cos que xa tiveran problemas anteriormente.
Segundo este relato, tras iniciar unha discusión estas persoas comezaron a propinarlle puñazos e patadas ao seu noivo, que tivo que ser atendido posteriormente nun centro hospitalario da cidade, onde foi intervido cirurxicamente dunha fractura de radio.
Tras a denuncia, os axentes procederon solicitar información sobre o sucedido, tras o cal remataron detendo o día 11 de marzo ao presunto autor da agresión.
Ademais a Policía identificou outros tres mozos, dous homes e unha muller, como testemuñas, intermediarios ou participantes na liorta.