Ferido leve o condutor dun coche que quedou durmido e caeu por un desnivel en Poio
Por Redacción
Un condutor resultou ferido leve na mañá deste venres nun accidente de tráfico rexistrado na estrada PO-308 ao seu paso pola avenida de Andurique, en Poio.
Ocorreu sobre as 9.00 horas da mañá. O vehículo do que este home era o condutor e único ocupante saíuse da vía e caeu por un desnivel.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, a posible causa do accidente foi "a falta de descanso" do condutor, que "quedou durmido".
O condutor foi trasladado por unha ambulancia do 061 a un centro sanitario. Segundo a Policía Local, "por sorte" non hai consecuencias graves.