Substitución na Comandancia: Simón Venzal deixa a xefatura tras lograr a mellor taxa de efectividade policial da Garda Civil
Por Natalia Puga
O coronel da Garda Civil Simón Venzal pasará á reserva o vindeiro 26 de agosto. Este cambio na súa carreira profesional suporá tamén un cambio fundamental na Comandancia de Pontevedra, pois era o seu máximo responsable desde hai cinco anos.
O paso de Venzal á reserva supón pechar unha etapa na que se rexistrou "a mellor taxa de efectividade policial acadada por este corpo". Así o destacou este xoves o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, con motivo da despedida deste mando.
Segundo a información facilitada pola Delegación do Goberno, entre xaneiro e xuño deste ano, os efectivos da Garda Civil da provincia esclareceron máis do 51% das infraccións penais cometidas no ámbito da súa demarcación.
Estes resultados permiten que Pontevedra manteña un índice de delincuencia moi por debaixo da media nacional.
Pedro Blanco despediu este xoves a Simón Venzal, trasladoulle o seu agradecemento persoal e subliñou a súa profesionalidade e talante. Nunha reunión celebrada na Delegación do Goberno, o delegado tamén agradeceu ao coronel Venzal os seus cinco anos de servizo á fronte da Garda Civil de Pontevedra.
Destes anos de mando, o delegado destacou que como coronel liderou a resposta da Garda Civil durante a pandemia, na que exerceu labores de asistencia á cidadanía e ás administracións sanitarias. Durante estes anos producíronse, ademais, importantes operacións na provincia, co papel destacado da Garda Civil, como a interceptación do primeiro narcosubmarino de Europa na ría de Aldán en 2019.