As pontevedresas asinan menos contratos laborais que os homes, pero conseguen máis traballos indefinidos
Por Natalia Puga
A situación laboral da muller na comarca de Pontevedra non variou substancialmente no último ano, pero si deixou datos significativos con respecto ao panorama xeral de Galicia. As pontevedresas asinaron unha maior porcentaxe de contratos de traballo indefinidos que os homes fronte á tendencia galega, na que apenas se experimenta unha variación por sexos neste tipo de relacións profesionais.
O informe realizado pola Secretaría de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT con motivo do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, recolle que no ano 2013 se rexistraron na comarca pontevedresa 56.640 contratos de traballo, dos que o 44,6% foron a mulleres.
Esta repartición desfavorable dende o punto de visto cuantitativo ás mulleres "non" se traduce en peores condicións á hora da tipoloxía de contratación utilizada", xa que mentres no caso masculino a porcentaxe da contratación indefinida é do 4,7%, nas mulleres é superior, o 7,2%. De todos os xeitos, os datos son moi dispares en función do concello de residencia do traballador.
Tanto no caso das mulleres como dos homes, en Pontevedra hai unha menor porcentaxe de contratos indefinidos que no global de Galicia. Nos datos a nivel autonómico, as porcentaxes de temporalidade na contratación son máis semellantes entre ambos os dous sexos, pero superiores aos desta comarca. Un 7,4% dos novos traballos subscritos polos galegos foron indefinidos e un 7,8% no caso das galegas.
O estudo de UGT indica que hai unha caida do 0,2% no número de mulleres afiliadas á Seguridade Social na comarca entre decembro de 2012 e decembro de 2013, pasando de 26.996 a 26.937. A porcentaxe de traballadoras é moi similar ao de traballadores varóns, supoñendo o total do 49,9% da masa laboral. O dato é máis positivo que o do resto de Galicia, onde as traballadoras son o 48,8%.
O ano 2013 pechou na comarca de Pontevedra con 29.937 afiliadas fronte aos 27.080 homes. Esta práctica igual na cantidade de contratados de ambos os dous sexos "débese ao maior prexuízo da crise económica no colectivo masculino", no que caeu a afiliación nun 2,1%.
No caso das persoas desempregadas, a porcentaxe de mulleres é lixeiramente superior aos dos homes, 9.677, isto é, o 50,6% do total de demandantes de emprego. A porcentaxe é inferior á media galega, do 51,2%, pero presenta unha perspectiva máis negativa no caso do Concello de Pontevedra. Na capital o desemprego feminino é máis acusado, do 52,3%, e no resto da comarca hai fortes diferenzas en función do municipio, cun 44% en Campo Lameiro e un 54,1% en Bueu.
A pesar de que durante a crise económica crece con maior contundencia o desemplo nos sectors de actividade masculinizados, en 2013 en Pontevedra aumentou máis o desemprego feminino, cun incremento do 2,8% fronte ao 2,4% que creceu entre os homes. A variación é importante en función do sector, sendo a construción o que ten máis homes sen emprego e a hostalaría o de máis paradas mulleres.