Desaloxan un edificio de nove plantas na Caeira por un incendio declarado nun rocho
Por Redacción
Os veciños dun edificio de nove plantas da rúa Mato Calderón da Caeira (Poio) tiveron que ser desaloxados este xoves das súas vivendas pola alerta xerada por un incendio declarado na zona do tellado e os rochos.
Ao lugar desprazáronse, nun primeiro momento, efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra, que realizaron unha atención inicial para sufocar o lume, pero a intervención a continuou nunha segunda fase o persoal do parque do Salnés, a quen corresponde a atención dos incendios no termo municipal de Poio.
A orixe do lume estivo nun rocho do edificio número 39, supostamente por unha faísca que prendeu chama en polisepan. Testemuñas presenciais solicitaron axuda dos bombeiros e inmediatamente empezou a saír unha nube espesa de fume pola fiestra que xerou grande alerta cidadá.
Os veciños foron desaloxados por precaución, pero as chamas non pasaron máis alá da zona dos rochos e puideron ser controladas e sufocadas en pouco tempo. A continuación, foi necesario airear e ventilar todo o edificio antes de que os veciños do bloque puidesen volver ás súas casas.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia, o lume declarouse ás 17.58 horas e desprazáronse ao lugar os bombeiros de Pontevedra e O Salnés, a Policía Local e Protección Civil de Poio e a Garda Civil. Os axentes municipais tiveron que establecer un perímetro de seguridade que impediu o paso de vehículos e persoas por esa vía.
O lume víase dende a autoestrada AP-9 e dende varios puntos de Pontevedra e Poio, de modo que tanto os bombeiros coma o 112 recibiron decenas de chamadas de alerta de cidadáns e condutores.