800 mulleres pediron axuda xurídica ou psicolóxica ao CIM de Ponte Caldelas en 2013
Por Redacción
Un total de 800 mulleres acudiron durante o ano 2013 ao Centro de Información á Muller (CIM) de Ponte Caldelas para realizar algún tipo de consulta realizada coa área xurídica e a atención psicolóxica. Os datos fíxoos públicos este xoves o Concello con motivo da conmemoración do Día da Muller o próximo 8 de marzo.
Segundo este balance, o 51% das consultas realizadas en 2013 centráronse en cuestións relativas á área xurídica, das cales o 33% tiveron que ver coas materias de dereito de familia (separación e divorcio, unións de feito ou execución de sentenzas, entre outras).
As consultas en materia de seguridade social, dereito penal e xustiza gratuíta representaron o 7, 11 e 12%, respectivamente, das preguntas atendidas polas responsables do CIM en Ponte Caldelas.
Outra das áreas máis demandadas polas usuarias do CIM é a referida á atención psicolóxica que acaparou o 45% de consultas realizadas a través deste servizo municipal de atención á muller. A maioría das cuestións formuladas estiveron relacionadas cos problemas familiares e de parella.
O 8 de marzo o CIM e a Secretaría Xeral de Igualdade de la Xunta de Galicia levarán ao centro cultural do municipio o Programa Desconexión, especialmente dedicado a mulleres con fillos menores ao seu cargo.
Este programa consistirá nunhas xornadas de encontros lúdicos, deportivos e terapéuticos, que se celebrarán o sábado 8 de marzo a partir das dez da mañá, e no que poderán participar mulleres con fillos menores ao seu cargo. Esta actividade será gratuíta e inclúe a comida que servirá tamén para fomentar a convivencia entre os asistentes.
Os talleres e actividades que se desenvolverán ao longo de todo o día 8 de marzo xirarán en torno á prevención da violencia de xénero e estará especialmente dirixido a mulleres con fillos menores ao seu cargo. Para iso, os monitores encargados de desenvolver esta actividade fomentarán a participación dos nenos entre si con xogos de convivencia, afecto ou aproveitamento do tempo libre.