Entrega das insignias de ouro e brillantes en Vilanova de Arousa
Por Anxo Lourido
Este domingo 11 de agosto celebrouse un dos actos máis emblemáticos das festas de Vilanova de Arousa: a entrega das insignias de ouro e brillantes.
O evento tivo lugar ao mediodía na Praza do Castro, á beira da carpa gastronómica da Festa do Mexillón e o Berberecho, nun ambiente marcado pola tradición e o recoñecemento á cultura local.
O alcalde Gonzalo Durán Hermida destacou que este ano as insignias foron outorgadas a figuras e institucións clave no "renacemento" cultural de Vilanova de Arousa.
Os galardoados foron Nando Casal, María del Carmen del Valle Galbán e a Asociación Amigos de Valle-Inclán, todos eles recoñecidos polo seu traballo e compromiso coa promoción da cultura vilanovesa.
O acto tamén contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, quen puxo en valor a importancia das festas gastronómicas como a do Mexillón e o Berberecho, non só como motor turístico, senón tamén como impulsores da economía e do emprego na comarca das Rías Baixas.
Á entrega tamén asistían María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas; e Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.