O pregón de Jacobo Olmedo dá a benvida a catro días de Festas do Divino Salvador
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este luns 5 de agosto a cita máis festiva da xornada en Poio terá lugar na igrexa de San Salvador. Ás 22.00 horas, Jacobo Olmedo Suárez, director do colexio SEK Atlántico, será o responsable de dar a benvida a cinco días de festa.
O pregón de Olmedo abrirá as Festas do Divino Salvador, que contan cunha programación organizada pola Comisión de Festas, coa colaboración do Concello de Poio, que mestura música e tradición.
A lectura do pregón contará tamén coa actuación da agrupación folclórica Vides Novas e xa antes, desde as 21.00 horas, a programación Zona de Obras do Concello de Poio tamén fará parada en San Salvador, co show de Asacocirco, destinado para o público familiar.
A noite rematará coa actuación do grupo Alianza e deixará xa os ánimos altos para a programación do martes.
O día 6, ás 12.30 horas, celebrarase a misa solemne na honra a San Salvador, cantada pola Coral de Poio. A procesión estará acompañada pola Escola de Música Municipal de Redondela e pola Escola de Música tradicional de Poio.
Pola tarde, ás 19.30 horas, a programación inclúe o concerto da Escola de Acordeóns de Campelo. Xa a partir das 21.00 horas a verbena estará amenizada polas orquestras Player e La Ocaband.
O mércores 7, a misa na honra á virxe do Carme será ás 12.30 horas e estará cantada pola Coral Virxe de Fátima de Campelo. A procesión estará acompañada pola Escola de Música tradicional de Poio.
Pola tarde, ás 19.30 horas actuará o grupo Chispas do Lérez e a verbena comezará ás 21.00 horas coa orquestra Capitol e o grupo Azabache, Recanteiros de Luar.
O último día da festa dedicarase aos máis pequenos da casa, cunha festa infantil con inchables, touro mecánico e festa da escuma a partir das 18.00 horas.
Rematadas as festas do Divino Salvador, non rematarán as celebracións. O sábado 10 o gaiteiro Óscar Ibáñez, natural de San Salvador, fará parada en Poio dentro da súa xira Tribal XX, coa que está celebrando o seu vinte aniversario sobre os escenarios.
O concerto comezará ás 21.00 horas no Adro da Igrexa de San Salvador, con entrada de balde.