O goberno provincial mobiliza 750.000 euros en materia de medio ambiente e enerxías renovables
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Provincial celebrada esta mañá na que se mobilizaron 750.000 euros en materia de medio ambiente e enerxías renovables.
Segundo detallou, aprobouse o proxecto, financiado con fondos europeos, denominado Máis Rías, que “busca aumentar a sensibilización ambiental e fomentar a conciencia ecolóxica entre os habitantes da provincia".
Conta cun orzamento de 130.000 euros, repartido entre o 70% que achega a Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o 30% restante, é dicir, 40.000 euros achégaos a Deputación de Pontevedra.
Este programa permitirá a creación dun programa técnico especializado con persoas expertas, investigadores e científicos "co obxectivo de tratar asuntos clave de actualidade relacionados coa conservación, explotación e protección das nosas rías".
Ademais, poñeranse en marcha campañas de sensibilización ambiental, unha delas dirixida á poboación infantil, con talleres en centros educativos de primaria, vídeos animados, un conto e un concurso de debuxo. A segunda campaña está dirixida a profesionais do mar, coa organización dun seminario.
Tamén poñerán en valor a pesca sostible das Rías Baixas con actividades como unha exposición de fotografías e outra de debuxos infantís, degustacións gratuítas de produtos, entregas de material divulgativo ou un concurso de preguntas, entre outras accións.
"Non hai dúbida de que as nosas rías son un importante motor económico en pesca artesanal e en marisqueo e teñen unha especial importancia na economía azul", sinalou Luis López "por iso temos o compromiso de protexelas", engadiu.
O goberno provincial tamén aprobou este venres a repartición de case de 250.000 euros en axudas para que confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras poidan afrontar investimentos e gastos correntes.
En total, son preto de 75.000 euros de subvencións para 14 agrupacións de 12 concellos dá provincia, as que van recibir estas axudas que estarán entre os 600 e os 20.000 euros. Isto vai permitir realizar adquisicións, por exemplo, de vehículos, material de vixilancia, equipamento informático, básculas ou mobiliario, entre outros destinos.
Outros 150.000 euros serán para gasto corrente, "que é a gran novidade deste ano", onde se benefician 22 agrupacións de 18 concellos da provincia. Aquí as axudas oscilan entre os 3.000 e 10.000 euros para afrontar gastos de persoal, electricidade, combustible e a compra de semente.
Finalmente, na Xunta de Goberno deste venres adxudicouse por preto de 370.000 euros a xestión da Oficina de Transformación Comunitaria "+ Renovables", de apoio ás comunidades enerxéticas da provincia, que contará con sede no Viveiro de empresas de Barro e dispoñerá de oficinas itinerantes.
Luis López indicou que esta iniciativa permitirá impulsar e fomentar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas, especialmente nos concellos de reto demográfico.
A empresa adxudicataria encargarase de organizar actividades de difusión, acompañamento, asesoramento e axuda para crear estas comunidades, así como de impulsar diferentes iniciativas de formación e investigación.
Relacionadas:
-
As caixas nas que se transportan as obras de arte inspiran a imaxe para a Bienal de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación pon todas as prazas de acollida do Príncipe Felipe a disposición da recepción de migrantes
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Presentación calorosa da estratexia turística para o "mellor lugar do mundo"
Por Anxo Lourido |