Rueda asegura que "unha Galicia mellor é posible, si, é posible con todos"
Por Oskar Viéitez
Cun vídeo publicado nas súas redes sociais, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mandou unha mensaxe á cidadanía neste 25 de xullo, Día Nacional de Galicia "o noso día grande".
Rueda fala da Galicia territorial e da "universal", unha terra "que non ten fronteiras, laxexa alí onde resida un galego".
Nesta mensaxe gravada desde a súa residencia oficial en Monte Pío e coa Catedral de Santiago de fondo, o presidente da Xunta reivindica esa Galicia que é "testemuño vivo" de "todo o bo" que comparten os galegos "desde hai séculos". "Os nosos antepasados traballaron sen pausa para legarnos un futuro mellor. Tempos difíciles, tempos pasados, na terra, na emigración, na montaña, na costa e en todos os mares do mundo. Grazas a eles e ao esforzo de todas e todos a Galicia actual latexa con forza. Con moita forza".
Tamén apunta o presidente que esta terra é "inconformista" que, por iso, quere ir "sempre a máis".
"Consolidar a Galicia como unha comunidade tolerante que a todos recibe cos brazos abertos. Unha terra na que predomina o respecto, tamén os que observan a vida dun modo diferente a nós e na que impulsamos o valor do esforzo e na que prevalece a igualdade de oportunidades, sen distincións", destaca.
Finalmente Rueda recalcou que "Unha Galicia mellor é posible, si, é posible con todos. Unha Galicia aberta, escenario privilexiado no que vivir e compartir coa seguridade de que é moito máis o que une que o que nos separa". "Por iso Galicia latexa, e latexa con forza, hoxe e todos os días do ano", conclúe.
ACTOS EN SANTIAGO
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, actuou este xoves como delegado rexio na Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, ante cuxa imaxe clamou contra a violencia e a guerra, pediu pola paz e o respecto á "legalidade internacional".
Santalices tamén reclamou abordar cuestións de relevancia a nivel nacional como a presión migratoria con "consenso e xenerosidade", tendo en conta que España é unha nación "diversa" pero "dentro do respecto á lei".
Pola súa banda, o BNG celebrou nunha ateigada praza da Quintana o Día da Patria Galega mentres que o PsdeG participou en Rianxo na tradicional ofrenda floral ante o busto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
MARÍN E POIO
Marín celebrou o acto institucional do Día de Galicia na Alameda con discursos, música e bailes tradicionais e reparto de pulseiras coa bandeira de Galicia, e Poio celebrouno no Pereiro cun recoñecemento á traxectoria do Ateneo Corredoira de Combarro, Vides Novas e a Escola de Acordeóns de Campelo. Ademáis o Concello fixo entrega da bandeira de Poio ás asociacións constituídas no último ano, e da bandeira de Galicia a máis de trinta colectivos e veciños que fixeron a súa solicitude.
No día grande de Galicia, pídovos aos galegos e galegas que celebremos xuntos esta gran data, celebremos que somos un pobo aberto, unido, solidario e respectuoso.
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) July 25, 2024
Todos vós construídes o futuro desta terra. Sigamos avanzando e latexando xuntos, con forza. Feliz día de Galicia! pic.twitter.com/mGpz2IGzqb