Salcedo estrea o seu novo Campo da Festa cunha concorrida Festa da Veciñanza Comuneira
Por Redacción
Preto de 400 persoas participaron a fin de semana na Festa da Veciñanza Comuneira celebrada en Salcedo.
A Comunidade de Montes de Salcedo aproveitou ademais a xornada de celebración para inaugurar dúas novas fontes de auga potable e dun espazo de lecer e encontro veciñal.
Unha das fontes, a Fonte do Vello, está situada nas inmediacións das Cabanas Prehistóricas, ata onde se desprazaron moitos dos participantes na oitava edición do festexo. Este acuífero pretende dar servizo ás cabanas, ás que acoden visitantes pero tamén novos que acampan no lugar dentro das actividades que alí se realizan.
Tras esta breve marcha volveuse ao momento de orixe para inaugurar o Campo da Festa, coa súa propia fonte.
Fernando Pintos, presidente da Comunidade de Montes, descubriu un monólito conmemorativo no lugar, contando cunha interpretación do himno de Galicia a cargo do grupo de gaitas Son da Pedra.
A xornada pechouse cunha comida popular e un baile amenizado polo Dúo Marema.