Itineranta 2024
© Mónica Patxot
Lume e música para despedir o Festival de espectáculos de rúa
Terceira e última xornada do Festival de espectáculos de rúa Itineranta.
Este venres foron catro as compañías que animaron coa súa arte a cidade de Pontevedra: Xip Xap (Lleida), Markeliñe (Amorebieta), Bambolea (Madrid) e Xarxa Teatre (Vila Real).
A primeira en saír foi a proposta dos cataláns "Rag & Bone" que ás oito da tarde partiu da Avenida de Santa María pasando polo Liceo Casino para concluír na Praza de Curros Enríquez. Monicreques e actores mestúranse co público interpretando o oficio dos traperos… ou era o home do saco?.
Ás 20.45 horas saíron da Peregrina os personaxes de "Andante" que ían recollendo do chan os zapatos perdidos, abandonados e xa deshabitados amontoándoos no seu carro ata enchelo. Zapatos que contan historias que o espectador pode imaxinar. Así percorreron a Peregrina, Ferrería, Curros Enríquez ata o Casino.
"Aukera" é o nome da representación que empezou ás nove e media da noite da Praza de España. Un espectáculo visual coa auga como elemento principal e que fala sobre a reciclaxe, a reutilización e a fantasía. Personaxes vestidos con latas, libros e outros elementos reciclados pasearon o seu ‘Paraugas máxico’ pola Peregrina, Ferrería e Curros Enríquez repartindo sorriso e pompas de xabón.
A traca final, e nunca mellor dito, que puxo fin a esta edición de Itineranta foi a valenciana "Nit Mâgica" que, desde as 22.30 horas, encheu a Praza de España, Peregrina e a Ferrería de pirotecnia, touros de lume e música, nun espectáculo vivido cos cinco sentidos sendo un dos máis participativos do teatro de rúa.
Itineranta 2024
Este venres foron catro as compañías que animaron coa súa arte a cidade de Pontevedra: Xip Xap (Lleida), Markeliñe (Amorebieta), Bambolea (Madrid) e Xarxa Teatre (Vila Real).
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
Ánxos-pallasos, unha praga de ratas e unha manifestación de abellas percorren Pontevedra a ritmo de batucada
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ietis, extraterrestres e esculturas futuristas invaden as rúas de Boa Vila no arranque de Itineranta
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Chega Itineranta, un festival para gozar "a través de todos os sentidos"
Por Alejandro Espiño |
-
Once espectáculos animarán as rúas do centro histórico de Pontevedra nunha nova edición de Itineranta
Por Redacción |
-
Pontevedra, ante un "verán que non para" con preto de catrocentas actividades festivas nas súas Festas de Verán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |