Obras de saneamento urxente na Carabuxeira para mellorar a calidade de auga
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A concesionaria do servizo do saneamento e abastecemento de Sanxenxo iniciará este luns, 22 de xullo, unha obra urxente na rúa Profesor Hermida para mellorar a calidade da auga na praia da Carabuxeira.
Nun estudo realizado pola empresa, tras rexistrar anomalías nas analíticas, detectáronse filtracións nas tubaxes de formigón que poderían estar a alterar a calidade da auga do areal. Os traballos consistirán na substitución dun tramo de 160 metros de tubaxe de PVC de saneamento e 60 metros, de pluviais. Unha actuación que podería prolongarse ata dúas semanas e que ten un custo que rolda os 85.000 euros.
Durante o mes de xuño tamén se realizaron actuacións de saneamento na zona de Bordóns despois de que a concesionaria, a pedimento do Concello, realizará inspeccións tanto nas redes de saneamento como a rede de augas pluviais. Como resultado das revisións, localizouse un punto de filtración na estrada PO-308, no pozo situado nas proximidades da desembocadura do rego de Bordóns, que presentaba unha filtración desde o fondo do pozo ao rego de Bordóns. Esta filtración foi emendada de forma inmediata, mediante demolición do fondo do pozo e reconstrución do mesmo.
Tamén se localizou un punto de infiltración menor na estrada EP-9201, onde se apreciaba unha leve entrada de augas residuais á rede de augas pluviais. Da mesma maneira, procedeuse á demolición do fondo de pozo e á súa reconstrución. Durante as semanas seguintes ás reparacións realizadas, a empresa recolleu mostras da estado da auga de mar na praia de Nanín con resultados favorables.